Esta web apoia a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués Turno de noite: setembro 2006

quinta-feira, setembro 07, 2006

E dura...

Aproveitando que o luns tiña día libre e non volvía traballar ata o martes de noite improvisamos outra das nosas. E seguimos pola Costa da Morte, nesta ocasión por terras de Muxía.
De camiño paramos nas Torres do Allo (bonita exposición sobre a vida nos Pazos) e nos Batans do Mosquetin (onde unha nutria campaba as súas anchas).
Acampamos no camping Lago Mar e pasámola tarde na Praia do Lago. Menudo día de calor que fixo!

Ó cae-la tardiña achegámonos ata Touriñán. Vendo aquela paisaxe extraordinaria unha non pode dar crédito as tolas ideas do iluminado de turno. Que llo contaran o alemán que viñera na bici e merendaba alucinado na rocha a ver que lle semellaba a idea...
Ceamos en Muxía previa parada no Santuario da Virxe da Barca e voltamos para o camping.
O martes pasámolo en Razo, comemos no Cordobes un menú do día que podería alimentar a un batallón e fomos de paseíño ata Baldaio pola beira do mar (onda uns golfiños nadaban sen medo). Qué lástima desperdicia-la noite metida no hospital...
E onte quedei con M. na Postreria (que me lembra a certos locais da etapa barcelonesa e me apunto como sitio para voltar). Púxome ó día da xente do cole (primeira voda do grupo á vista) e da súa vida. E logo marchei para os Rosales para ve-la segunda parte dos Piratas do Caribe. Non estivo mal.
E agora toca pasa-la finde metida no hospital. Uf, que pereza...

domingo, setembro 03, 2006

Que siga a festa...

O sábado durmin unhas horiñas e decidimos improvisar unha escapada. Primeiro fomos comer unhas troitas a Verxa en Xanceda e despois tiramos estrada ata Ribadavia (previa parada en Lugo para atenderen a un home maior que caera na ponte nova e rompera o nariz. Eso que estaba de día libre...). Ribadavia estaba ata os topes en pleno día grande da Festa da Istoria. O lugar unha pasada (queda pendente voltar un día "normal"), aínda que a festa non era a idea que eu levaba. Demasiado follón e botellón para o día tranqui que me pedía o corpo. Voltamos a casa xa de noite, despois dunha breve paradiña para cear en Compostela.
O domingo, logo da paliza do día anterior, semellaba que sería tranquilo. Pero a media tarde xurdiu a idea de iren ata Pontevedra onde nunhas horiñas actuaba Silvio. E aló que marchamos. A viaxe pola AP-9 rodeada de monte queimado a dereita e a esquerda desmotivaba a calquera. Pero da gusto o prontiño que se chega. Aínda que a ti che pareza raro P. gosto moito da nova Pontevedra, esas rúas onde da gusto camiñar tanto de día como, sobre todo, de noite. O lugar do concerto, a praza da Ferrería precioso.
Coma teloneiro actuou NARF, cunha chea de ritmos con ecos portugueses, moçambicanos... Non estivo mal o rapaz, non. Uxía leu o manifesto de Nunca Mais e logo saiu Silvio.
Qué dicir do concerto? Un soño poder velo. É un dos máis grandes sen dúbida. Aínda que só fora por escoitar ese peche con Ojalá pagaría a pena a viaxe...
E esta semán remataba o mes e con él remataba contrato. Pero de seguida chamou a Pili e o día 1 xa comezaba outro. Que non é gran cousa pero bueno, algo é algo.
Ademáis que non tiven opción de agobiarme nin nada, porque o mércores a fin da tarde chamou F. e me propuxo marchar de camping a ver se estreábamo-la tenda dunha vez. Colguei, fixen a mochila e en nada estabamos xa camiño de Muros. Acampamos no Convento de San Francisco en Louro. O entorno é precioso pero os incendios non deixaron moi ben parada esa zona. Baixamos cear polbo a Muros e dar un paseíño polo pobo. Qué rico o xeado de chocolate, chocolate e chocolate quente e os profiteroles de crema e chocolate quente. Non somos larpeiros nen nada...
O día seguinte fomos pasa-la mañán a praia da lagoa de Louro onde se estaba de vicio. Hai que ver que de praias bonitiñas que temos!!!